sábado, 21 de setembro de 2019

"Xa estamos de volta!!"

Unha boa forma de comezar é iniciándonos no mundo das lendas da nosa contorna.
Hoxe, déixovos para ler a lenda de Santa Trahamunda.

                                   (Lansbricae from Santiago de Compostela, España)
Santa Trahamunda foi unha monxa que vivía no convento de San Martiño coas súas irmás, que pertencían á orde de San Bieito.
Os mouros, que invadiran España, chegaron a Galicia e levaron como botín ás mozas máis belidas como regalo para o seu sultán.
Atopábase un día Trahamunda apacentando as ovellas nunha xunqueira e chegaron os mouros. Como era moi fermosa, levárona para o harén do sultán, para que fose unha máis das moitas mulleres que alí tiña. Ela negouse e foi encerrada nun calabozo.
Así pasou o tempo, ata que chegou o día de San Xoán. Trahamunda púxose moi triste: acordábase das irmás e sentía moitas ganas de volver a Poio. En soños aparecéuselle un anxo que lle puxo unha póla de palma na man. Cando espertou atopouse nun prado xunto ó convento. Era o amencer e os frades do mosteiro cantaban matíns. Sentiu unha grande ledicia e alí mesmo plantou a palma que, co tempo, foi medrando. Dende entón aquel prado chamouse "Prado da Palma".
Trahamunda viviu moitos anos no convento e cando morreu foi enterrada no sartego de pedra que se conserva na capela do convento de Poio.

 (APARICIO CASADO, Buenaventura. 1992. A tradición oral en Poio, Pontevedra)

Ao mesmo tempo iremos amosándovos fotos da antigua vila de Pontevedra.
Espero que vos gusten!!

domingo, 23 de xuño de 2019

"Festival de fin de curso"


O día 20 de xuño celebramos o festival de fin de curso. Como o salón de actos se fai pequeño tivemos que ter dúas sesións.
Os primeiros en subir ao escenario foron o alumnado de 2º e 3º de E.P. que interpretaron unha fermosa canción tradicional de Ghana titulada “Simamaka” con acompañamento de percusión.







Seguíronos os nenos e nenas de 5º E.P. “Gavotte de Dimitri Kabalevsky” (acompañamento de percusión de peza The Comedians).










O alumnado de 4º E.P. subiu ao escenario para interpretar unha canción congoleña “Banaka”.






A continuación tocoulle o turno ao alumnado de 6º A E.P. “Percusión con escobas”.
E seguindo coa percusión (neste caso corporal) foi o alumnado de 6º B o que interpretou o tema “Tumpa”.








Remataron o festival os nenos e nenas de 5ºA coa proxección dun vídeo e a interpretación dunha canción.


Aproveitouse o festival para entregar a orla aos graduados de 6º EP e, como non, agradecerlle ás colaboradoras e colaboradores da biblioteca os seus esforzos entregándolles un pequeno agasallo.




Boas vacacións!!!

domingo, 16 de xuño de 2019

"Exposición de útiles e ferramentas dos nosos devanceiros"

Dende o pasado mércores 12 de xuño está disposta unha exposición de útiles e ferramentas usados nos seus oficios polos nosos devanceiros.










Por alí foi pasando o alumnado, e, ao mesmo tempo que a visitaba podía ler as poesías dedicadas a cada un dos oficios.




Moitas grazas ás familias pola súa colaboración aportando o material para poder realizala.

Máis fotos!!

luns, 20 de maio de 2019

“Letras Galegas 2019: Antón Fraguas”


Durante as últimas dúas semanas celebráronse diversas actividades relacionadas coa conmemoración das Letras Galegas.
No corredor estiveron expostas dúas exposicións coa biografía do autor e cadernos con diversas actividades dirixidas a cada un dos niveis, de EI a 6º EP.




A primeira das semanas comezou cun obradoiro para 6º de Educación Infantil e o outro para 1º e 2º EP impartido polo “Correo do Vento”. 
Mentres un dos artistas contaba a biografía de Antón Fraguas, o ilustrador debuxaba.






As nenas e nenas pasárono en grande, e, máis cando para rematar ensináronlle a debuxar a caricatura de Antón Fraguas.
O resultado foi maravilloso!!




O venres 10 Montse impartiu unha charla sobre o traxe galego. Explicou como era a vestimenta hai moitos anos e o nome de cada unha das partes que o compón.




En directo foi vestindo peza a peza a tres voluntarios/as.

Ao rematar fixeron todos os nenos e nenas unha foto colocándose detrás dos carteis e asomando a cabeza como se estivesen vestidos.





Durante a semana do 13 ao 16 de maio, e do 21 ao 24 na Biblioteca do Centro está preparada a “ginkana” cultural en torno á figura de Antón Fraguas e ao proxecto “Poetas do Lérez”.
Os equipos, por aula, rotan por 5 recunchos de traballo nos que traballan: bibliografía relacionada coa figura de Antón Fraguas e o proxecto da Biblioteca, pasatempos, acróstico (oficios e ferramentas), panel coa biografía do autor, e, para rematar un mural con antigos oficios galegos.






Para rematar a semana, o día 16, os máis cativos do cole participaron no Correlingua para amosar o seu amor pola Lingua Galega.
















domingo, 14 de abril de 2019

“Madriñas e padriños lectores”


O mércores día 10 de abril, o alumnado de 6º EP acudiu ao CEIP Xunqueira I a lerlle contos ao máis cativos, o alumnado de EI.


Individualmente, en parella, ou en grupos leron os contos aos nenos e nenas de Infantil.


Contaron contos coñecidos, e contos que eles e elas mesmas elaboraron.


Aínda que empezaron cun pouco de vergoña, enseguida se animaron.


O público estivo moi atento!!



domingo, 7 de abril de 2019

"Revitaliza II"

Continuando co plan “Revitaliza”, o alumnado de 5º e 6º EP tivemos  un obradoiro na aula e unha visita a un composteiro comunitario.
Na aula buscamos os organismos vivos que habitan no compost.





Non sabiamos que había tantos!!!


Outro día fomos visitar un composteiro comunitario, onde os mestres composteiros nos explicaron o proceso de descomposición dos restos orgánicos ata chegar a formar o compost para utilizar como abono.








As árbores que plantamos o Día da Árbore foron fertilizadas con ese compost!!


“Seguimos á voltas coa Ciencia”


O venres día 5 de abril a nai dunha compañeira impartiunos un obradoiro interesantísimo.






Extraémoslle o ADN a uns amorodos e a uns plátanos.





Seguindo os pasos que nos marcaban conseguimos extraer e ver o ADN deses froitos.











"Lingua Forza 3"


Hoxe, 4 de abril ás 10 da mañá, os nenos e as nenas de 4º de Primaria tivemos unha actividade no pavillón.
Ao chegar vimos a tres “doutoras” que viñan a curarnos “o virus lingüístico”, que non nos deixa falar en galego.


Fixemos tres probas para comprobar se tiñamos o “virus” e o resultado foi de “leve infección”.








Receitáronnos falar máis galego practicando xogos de palabras, trabalinguas...


Foi unha experiencia moi bonita.
Pasámolo moi ben!!!
                                                                             (Equipo de redacción: 4º EP)