Con motivo da conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, no noso colexio realizamos diversas actividades para reflexionar sobre a igualdade, o papel das mulleres na sociedade e a importancia de recoñecer as súas contribucións ao longo da historia.
Entre as actividades desenvolvidas, destacou especialmente a proposta “As avoas, as nosas heroínas”, levada a cabo polo alumnado de terceiro de Educación Primaria. Esta actividade estivo inspirada na lectura do libro A miña avoa, a miña heroína, da escritora Sabela Fernández Trelles, que nos axudou a valorar o papel fundamental que desempeñan as avoas nas nosas vidas e nas nosas familias.
Ademais, tivemos a sorte de recibir a visita da propia autora, que compartiu co alumnado a súa experiencia como escritora e achegounos máis de preto a súa obra. Como broche final, os nenos e nenas participaron na creación dun podcast no que recolleron historias, lembranzas e aventuras das súas avoas, e da propia autora, dando voz ás verdadeiras protagonistas desta actividade.
Grazas a todas estas iniciativas, vivimos unha xornada moi enriquecedora que nos permitiu aprender, compartir experiencias e render unha merecida homenaxe ás mulleres que forman parte da nosa vida cotiá.
https://www.edu.xunta.gal/centros/ceipmanuelvidal/node/678
Ningún comentario:
Publicar un comentario